Donaire

Coñécenos

A nosa traxectoria

Donaire naceu no ano 2000 cun propósito claro: ofrecer un espazo onde aprender, practicar e compartir a tradición galega. Desde entón, medramos coma unha comunidade diversa na que conviven persoas de todas as idades, unidas polo desexo de manter vivo un patrimonio cultural que forma parte da nosa identidade.

Ao longo dos anos consolidámonos como escola, como grupo artístico e como colectivo que entende a cultura como un lugar de encontro. Hoxe, Donaire é un fogar no que se aprende, se crea e se celebra. Un proxecto que segue avanzando grazas á entrega do alumnado, do profesorado e das familias que confían en nós curso tras curso.

Coñécenos

Profesorado

O noso profesorado está formado por persoas cun compromiso profundo coa transmisión da cultura tradicional galega. Son mestres que combinan experiencia escénica, coñecemento técnico e unha vocación clara pola docencia.

En cada aula crean un espazo de confianza onde o saber se comparte tal e como se fixo sempre: de maneira oral, próxima e respectuosa coa orixe de cada peza. Grazas a eles e elas, o alumnado non só aprende pasos ou melodías, senón a valorar e comprender o legado do que forman parte.

Olga Kirk

Inicia a súa formación en baile tradicional aos cinco anos na escola da Fábrica de Tabacos da Coruña. Aos nove incorpórase á A.X. Xacarandaina e, con catorce, pasa a formar parte do grupo titular, no que permanece ata 1996.

É socia fundacional de Donaire, entidade que dirixe desde a súa creación no ano 2000 ata a actualidade.

Ao longo da súa traxectoria participou en proxectos como Ruote, Con Canto Donaire, a Banda de Pablo Díaz ou o coro Sisters in the House, e colaborou con artistas como Milladoiro ou Susana Seivane.

Como docente imparte clases desde os dezaseis anos en numerosas asociacións e concellos, entre outros Raigañas de Cerqueda, Regueifa de Val do Dubra, Xacarandaina, Cantigas e Agarimos ou a S.R. San Xoán de Calo. Na actualidade desenvolve a súa actividade docente exclusivamente en Donaire, ademais de impartir cursos e obradoiros de formación.

Pablo Díaz

O seu contacto coa música e o baile tradicionais comeza en Fene, no grupo veciñal da parroquia de San Valentín, aos catro anos. Tras o seu traslado á Coruña incorpórase como bailador ao grupo IAR (1987) e, a partir de 1991, a Xacarandaina, onde permanece ata 1996.

É socio fundador de Donaire, onde imparte aulas de baile, pandeireta, gaita e percusión.

Inicia a súa actividade docente aos dezanove anos en numerosas asociacións e centros educativos, con especial presenza na Costa da Morte, particularmente nos concellos de Cabana e Ponteceso. O estudo das tradicións desta zona dá lugar ao Cancioneiro de Cabana de Bergantiños (2012), publicado xunto con Olga Kirk.

No ámbito musical participa desde 1996 en Ruote e posteriormente noutros proxectos como Tátara Trío. A súa faceta máis coñecida é a de contacontos, compositor e músico infantil, con diversos traballos de grande difusión.

Antonio Prado

Entra no mundo do folclore no ano 1995, con catro anos, no CEIP Fernández Latorre. Incorpórase a Donaire en 2004, onde continúa a súa formación en música e baile tradicionais, tamén a través de cursos e aprendizaxes con diferentes profesionais do sector.

Como docente ten impartido actividades en diversos centros da Coruña e na comarca de Ordes, así como obradoiros e cursos formativos. Na actualidade desenvolve a súa labor docente exclusivamente en Donaire.

Forma parte de Xosé Lois Romero & Aliboria e ten colaborado con artistas e formacións como Kepa Junkera, Berrogüetto, Coetus ou Amaia.

Bea Mariño

Forma parte de Donaire desde a súa fundación no ano 2000, onde recibe a súa formación en pandeireta, baile tradicional, percusión e gaita.

Inicia a súa traxectoria docente en 2010, impartindo aulas en diferentes localidades da provincia da Coruña, especialmente nos concellos da Coruña e Oleiros. Desde 2024 desenvolve a totalidade da súa actividade docente en Donaire.

Forma parte do proxecto Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, co que ten publicados catro traballos discográficos e co que ten participado en numerosas xiras e escenarios.

Álex Fente

Lucía Vázquez

Mario Lage

Natalia Ríos

Oscar Rouco

A Asociación

Xunta directiva

A directiva de Donaire coordina o funcionamento da asociación e impulsa o seu desenvolvemento. Traballa para garantir a continuidade do proxecto, fomentar a participación das persoas socias e promover actividades que reforcen a presenza da tradición galega na comunidade.

O seu labor asegúrase de que a escola, os grupos e os festivais manteñan a súa esencia, ao tempo que se adaptan aos novos tempos e necesidades.

Na Asemblea Xeral Extraordinaria do 27 de setembro de 2025, a Xunta Directiva da A.C. Donaire quedou conformada do seguinte xeito:

  • Presidenta – María Serantes
  • Vicepresidenta – Sira González
  • Secretario – Carlos Taboada
  • Tesoureira – Mónica Santos
  • Vocal – Mayte Pombo
  • Vocal – Teresa Queiro
  • Vocal – Alicia Franco

Socias

Ser socio ou socia de Donaire permite participar na vida da asociación, acceder ás actividades formativas e contribuír á continuidade dun proxecto cultural colectivo. Aquí podes atopar a ficha de inscrición e os pasos para formalizala.


Procedemento de inscrición

  1. Enviar un correo a info@donaire.gal solicitando praza na actividade ou actividades desexadas.
  2. Donaire contestará ao correo indicando se existen prazas dispoñibles e informando dos pasos a seguir para reservalas.
  3. Cubrir a ficha de inscrición e realizar o pagamento da matrícula e da primeira mensualidade na conta ES03 0049 7692 1824 1000 8388 (Banco Santander).
  4. Enviar a info@donaire.gal a ficha cuberta e o xustificante de pagamento da matrícula e da primeira mensualidade. Donaire responderá confirmando a praza.